Lúa de mel de Elisa e Marcela
Elisa e Marcela foi un espectáculo que supuxo unha revolución para A Panadaría que o público acolleu con efusividade e a crítica celebrou con palabras como as de María Xosé Queizán: “son moitas as habilidades artísticas e musicais, moita a intelixencia e a inventiva, moita a gracia que desbordan, moita a desmitificación que levan a cabo. Fan con mestría un exercicio emancipador, un divertido acto político”. Con estas últimas funcións, e a súa programación expandida, quixemos darlle unha despedida memorable ao espectáculo máis premiados da compañía que é tamén un dos fitos do teatro galego.
Funcións con intérpretes de Lingua de Signos, un taller de conciliación, unha mesa redonda, un obradoiro de drag king, un faladoiro do pracer, presentacións en librarías da edición especial do texto e partituras orixinais, recordos especiais, un coloquio e un sorteo dunha tortilla (como boas tortilleras) foron as actividades pararelas que alimentaron esta xira expandida que imaxinamos como unhas xornadas itinerantes dedicadas a Elisa e Marcela e ás disidencias de antes e de agora.
Estas últimas “vodas” e a súa “lúa de mel” foron a segunda ocasión na que organizamos unhas xornadas expandidas arredor do espectáculo despois de Elisa e Marcela toman as rúas na Coruña en 2018. Logo de 6 anos de xira, 270 representacións, 12 premios e case 50.000 espectadoras podemos dicir que Elisa e Marcela foi todo o que imaxinabamos e moito máis. Foi denuncia, reivindicación, homenaxe e moita, moita visibilidade lésbica.
A diversidade que reivindicamos para afectos e identidades tamén a reclamamos para persoas con diversidade funcional e, por iso, ofrecimos á comunidade xorda funcións con intérpretes de Lingua de Signos. En Compostela celebramos a segunda edición de Mulleradas, un faladoiro sobre o pracer para mulleres a partir dos 50 anos co acompañamento de Gena Baamonde e o apoio do Consello da Cultura Galega. Nas Restrebas e Monterroso puidemos vivir o amor rural como as nosas protagonistas e adaptamos o espectáculo a uns espazos moi singulares, unha palleira e unha granxa. Na Coruña, cidade na que no 1901 casaron as dúas mestras, artellamos un sorteo dunha tortilla ao rematar a representación e, xustiza poética, gañárona Mar e Montse, unha das primeiras parellas en casar nesa cidade despois da aprobación a lei de matrimonio igualitario en 2005. A guinda final puxémola en Ribadavia, no marco da Mostra Internacional de Teatro, cunha última función na Igrexa da Madalena, ateigada de xente e desbordadas de emoción.
Como aconteceu durante toda a xira galega e exterior, inventamos fórmulas pouco exploradas e sorpresivas para a difusión que, ademais, reivindicaban a visibilidade lésbica. Houbo decenas de cidades e vilas que penduraron das varandas e balcóns a pancarta que dicía “Elisa e Marcela casan. Vivan as noivas!” e panadarías colaboraron repartindo o seu pan en bolsas de papel que anunciaban as datas da xira. Nas taquillas de auditorios e teatros sempre podías gañar dúas entradas de balde se eras a primeira persoa en chegar alí e dicir “ola, son lesbiana”. Convidamos a artistas lesbianas e trans a deseñar camisetas, cadernos e pegatas como recordos deste final e as usuarias da Asociación de Persoas con Enfermidades Mentais da Coruña crearon unhas figuras das matrimoniadas.
Lúa de mel de Elisa e Marcela
Datos artísticos ou técnicos
Coordinación da xira e actividades paralelas: Areta Bolado
Produción: Ailén Kendelman
Apoio en produción: Ana Rodríguez
Intérpretes Lingua de Signos: Gema Santos e Paula Fernández
Fotografía e vídeo: Pilar Abades
Montaxe vídeo: María José Pérez
Fotografía e vídeo Vimianzo: Sonia García
Deseño gráfico: Noelia Castro
Prensa: Dito&Feito
Deseño camiseta: Greta Debelius
Deseño cadernos e pegatas: Xulia Vicente
Creación figuras: APEM
Lettering figuras: Jorge Conde Pérez
Coa colaboración de: Libraría Lila de Lilith, Granxa Maruxa, Asociación Nós Mesmas, Avante, Consello da Cultura Galega.
Data
De abril a xullo do 2023