Saca o macho!
Pode unha muller escarrancharse, saudar cun empurrón ou fumar como “un carretero” e seguir parecendo feminina? Pode un home xesticular coas mans, saudar cunha aperta tenra e escoitar con delicadeza e empatía e seguir sendo un home de verdade? Hai algunha forma de non ser nin unha cousa nin a outra ou todo ao tempo? O obradoiro Saca o macho! entrou por entre as fendas da masculinidade para construíla e deconstruíla á nosa vontade, levando ás participantes a explorar a masculinidade a través das ferramentas de esaxeración e parodia do drag king.
O docente deste obradoiro foi Nicolás Otero, alias Nico Elsker, home trans, actor especializado en cabaret, travestismo e prácticas drag king coñecido polo seu labor dentro do colectivo Marinita y sus maromas, referente da escena alternativa e LGBTIQ+ viguesa. Nesta sesión con el as persoas asistentes experimentaron coa maquillaxe e a caracterización ata topar o alter ego masculino que cada unha/unhe/un levaba dentro e amodo foron “sacando o macho”.
Con esta actividade, alén de homenaxear o travestismo funcional de Elisa-Mario Sánchez Loriga para conseguir ser bautizada como home na Coruña no 1901, queriamos abrir un camiño de colaboración coas asociacións viguesas Avante e Nós Mesmas dentro do Orgullo Crítico de Vigo 2023 e apoiar a efervescente escena drag masculina da cidade olívica.
Saca o macho!
Datos artísticos ou técnicos
Este obradoiro organizouse en colaboración coa Asociación Nós Mesmas, da que A Panadaría é socia, e dentro do marco do Orgullo Crítico Vigo 2023.
Monitor: Nicolás Otero
Apoio: Leonor Sangabriel
Coordina: Areta Bolado
Espazo: Local da Asociación Nós Mesmas.
Data
29 de xuño de 2023