Fundamos a compañía en 2013

A Panadaría abre o seu forno teatral en 2013 en Vigo. As súas fundadoras (Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman) amasan un teatro que renuncia aos elementos escenográficos para rebordar humor acedo, música vocal e unhas interpretacións lúdicas e habilidosas que nos levan por un camiño de transgresión hilarante e profundamente político. Nesta década de traballo creativo estrean as montaxes Pan!Pan! (2013), Panamericana (2015), a multipremiada Elisa e Marcela (2017, en coprodución co Centro Dramático Galego) e As que limpan (2022, en coprodución co Centro Dramático Nacional).

Levamos 10 anos amasando un teatro de creación propia

Bolado, Castro e Kendelman cren en procesos creativos colectivos e levan a participación e a reflexión en comunidade aos seus proxectos sociais e pedagóxicos como Tortigrafías (unha cartografía cuir e crítica de distintas cidades galegas), Parolas Inútiles (conversas interxeracionais e improdutivas) ou Mulleradas (un arquivo do pracer e o desexo en mulleres a partir dos 50).

Outro dos compromisos de A Panadaría é a de conformar equipos de traballo íntegros de mulleres, priorizándoas sempre nos seus procesos de selección. A intención, a de rachar así coa inercia da presenza masculina nos postos directivos e técnicos.

As integrantes de A Panadaría son, en palabras da crítica, «o altofalante perfecto para facer tremer a sociedade».

Para contar os nosos premios hai que usar dedos e dedas

A Panadaría recibiu até 21 premios autonómicos e estatais que recoñecen a calidade da súa aposta artística e o seu compromiso transversal feminista e LGTBIQ+, entre eles o Premio da Crítica Galicia 2015, Premio Luísa Villalta 2017, Premio Alas 2018, nove Premios María Casares, Premio Begoña Caamaño 2020 ou o Premio Pluma 2021. Estes son todos os seus premios e nomeamentos:

2013

1º Premio Xuventude Crea (Teatro) / Pan!Pan!

2015

Premio da Crítica Galicia (Artes Escénicas e Audiovisuais) / Pan!Pan!

Premio María Casares a Mellor Actriz Secundaria (Areta Bolado) / Pan!Pan!

Nomeamento Premio María Casares a Mellor Música Orixinal / Pan!Pan!

2016

Nomeamento Premio María Casares a Mellor Texto Orixinal / Panamericana

Nomeamento Premio María Casares a Mellor Vestiario / Panamericana

Nomeamento Premio María Casares a Mellor Actriz Secundaria (Areta Bolado) / Panamericana

2017

Premio Luísa Villalta para Proxectos Culturais pola Igualdade / Elisa e Marcela.

2018

Premio María Casares a Mellor Espectáculo / Elisa e Marcela.

Premio María Casares a Mellor Texto Orixinal (A Panadaría e Gena Baamonde) / Elisa e Marcela.

Premio María Casares a Mellor Actriz Protagonista (Areta Bolado) / Elisa e Marcela.

Premio María Casares a Mellor Dirección (Gena Baamonde) / Elisa e Marcela.

Premio Marcela e Elisa da Asociación ALAS / Elisa e Marcela.

Premio FETEGA a Mellor Actriz (Areta Bolado, Noelia Castro, Ailén Kendelman) / Elisa e Marcela.

Premio FETEGA a Mellor Espectáculo / Elisa e Marcela.

Premio do Público da Mostra Internacional de Ribadavia / Elisa e Marcela.

Nomeamento Premio María Casares a Mellor Actriz Secundaria (Ailén Kendelman) / Elisa e Marcela.

Nomeamento Premio María Casares a Mellor Música Orixinal (Ailén Kendelman) / Elisa e Marcela.

2019

Premio Las Horas do Festival de Cine LGBT de Extremadura / Elisa e Marcela.

2020

Premio Begoña Caamaño á Acción Cultural pola Igualdade / Elisa e Marcela.

2021

Premio Pluma da FELGTBI+ / A Panadaría

2022

Premio do Público na Mostra de Teatro Galego de Cariño / As que limpan.

Premio a Mellor Espectáculo de Sala na Feria de Teatro de Castilla y León / As que limpan

2023

Premio María Casares a Mellor Espectáculo / As que limpan.

Premio María Casares a Mellor Dirección / As que limpan.

Premio María Casares a Mellor Texto Orixinal / As que limpan.

Premio María Casares a Mellor Actriz Protagonista (Noelia Castro) / As que limpan.

Premio do Público da Mostra Internacional de Ribadavia / As que limpan.

Areta Bolado

O Porriño, 1985. Actriz, pedagoga e distribuidora.

Titulouse na especialidade de Interpretación Textual na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e é tamén Especialista en Dobraxe (Universidade de Vigo). Ademais, uns anos antes, diplomouse en Maxisterio Educación Primaria.

Forma parte do elenco de todas as producións de A Panadaría e actúa en montaxes doutras compañías como Voadora (Soño dunha noite de verán) ou Centro Dramático Galego (Neorretranca e Posmorriña). En audiovisual, actúa en 9 Fugas (Premio Internacional á Mellor Longametraxe no Festival de Xixón e Premio Mestre Mateo a Mellor Música Orixinal), Descarrilados, Xan (Premio Mestre Mateo a Mellor Serie Web) e Escoba.

Recibe o Premio María Casares a Mellor Actriz Secundaria en 2015 por Pan!Pan!, o Premio María Casares a Mellor Actriz Protagonista e Premio Fetega a Mellor Actriz, ambos en 2018, por Elisa e Marcela.

En A Panadaría, ademais de actriz, é a coordinadora de proxectos pedagóxicos e actividades paralelas e realiza labores de distribución en Galicia e Portugal.

Noelia Castro

Bellinzona, 1988. Actriz e deseñadora gráfica.

Titulouse en Interpretación Textual na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e en Deseño Gráfico Publicitario en AulaD (Vigo).

Traballa como actriz en todas as producións de A Panadaría e con Inversa Teatro nos espectáculos Té con Kant e Sofía e as Postsocráticas. En audiovisual actúa en Xoves de Comadres (Biznaga do Xurado do Festival de Málaga e unha vintena de premios máis), 9 Fugas (Premio Internacional a Mellor Longametraxe do Festival de Xixón e Premio Mestre Mateo a Mellor Música Orixinal), Ursúas Film e Descarrilados.

Realiza o deseño de cartelería, material publicitario e outros recursos gráficos para A Panadaría e encárgase da imaxe dos V Premios Martín Códax da Música. Recibe unha Mención de Honor no Proxecto Edición de Copias de Autor polo traballo fotográfico Pilara, a muller que vive coa miña avoa.

Obtén o Premio a Mellor Interpretación no FETEGA de O Carballiño 2018 por Elisa e Marcela e o Premio María Casares a Mellor Actriz Protagonista por As que limpan. En A Panadaría, ademais de actriz e creadora de proxectos, é a responsable da área de deseño e publicidade.

Ailén Kendelman

Buenos Aires, 1989. Actriz, multiinstrumentista, compositora e produtora.

Ademais do título superior en Arte Dramática, especialidade en Interpretación Xestual, conta co Grao Profesional de Percusión e ampla formación musical complementaria.

Como actriz e compositora está fortemente vinculada a A Panadaría, compañía onde desenvolve a súa actividade de maneira estable e continuada. Actúa, toca e canta nos espectáculos Ris, ras de Baobab Teatro e n’ As laranxas máis laranxas de todas as laranxas do Centro Dramático Galego. Participa como actriz nas longametraxes Migas de Pan e 9 Fugas (Mellor Longametraxe Festival de Xixón e Mestre Mateo Mellor Música Orixinal).

Compón a música orixinal de Neorretranca e Posmorriña (CDG) e de d’A Cazola de Lola (Tanxarina). É baterista, percusionista e violinista no Conxunto Internacional Áureas (Premio Mellor Música de Verbena Martín Códax 2017) e música da banda de MJ Pérez.

Recibe o Premio a Mellor Interpretación no Festival de Teatro Galego do Carballiño 2018 por Elisa e Marcela e co Premio María Casares 2022 a Mellor Música Orixinal por A Cazola de Lola.

En A Panadaría, ademais de compositora, actriz e creadora de proxectos, é a responsable da área de produción e xestión.