Elisa e Marcela, o cumio do iceberg

Elisa e Marcela son o referente histórico LGBTIQ+ máis popular en Galicia pero, que máis figuras históricas é preciso reivindicar? Cal é a representación de lesbianas, gais e trans na cultura galega? Coñecemos persoas trans, lesbianas ou gais maiores e do rural? Gena Baamonde, Eva Mejuto e Daniela Ferrández faláronnos de memoria, arte e visibilidade nesta conversa informal destinada a reivindicar figuras históricas invisibilizadas e a sensibilizar á mocidade da súa necesaria implicación na defensa dos dereitos das mulleres e persoas non cisheteronormativas.

A mesa redonda Elisa e Marcela, o cumio do iceberg desenvolveuse no contexto desta “lúa de mel” e contou coa asistencia do alumnado de varios centros educativos do concello de Vimianzo, a maioría adolescentes. Con Ferrández, historiadora, descubrimos que o popular transformista Leopoldo Fregoli visitou A Coruña e Ferrol no ano 1914 e que, causou tanto impacto, que lle sucederon innumerables imitadores. A Historia, como ela mesma expuxo, non é o relato plano e conservador que escoitamos agora pois sempre houbo disidencias. Os textos dramáticos de Dorotea Bárcena, a montaxe teatral Testosterona de Chévere ou a peza de danza O raro é que bailar sexa raro de Vacaburra dos que falou a directora de Elisa e Marcela, Baamonde, representan claros exemplos dunha escena galega que historicamente contou con creadoras que incluían contidos feministas e disidentes e da presenza perenne dun teatro transgresor que puxo e pon en cuestión a normatividade. E para seguir rachando con preconceptos, Mejuto lembrounos que moitas das persoas que entrevistou no seu libro Memoria Diversa, ao contrario do que poidamos pensar nun primeiro momento, defenden o rural como un espazo moito máis seguro que as grandes cidades para as vidas das persoas trans, lesbianas, bisexuais e gais.

Elisa e Marcela, o cumio do iceberg

Datos artísticos ou técnicos

Esta mesa artellouse en colaboración coa área de cultura do Concello de Vimianzo, coproductor do espectáculo Elisa e Marcela e unha das vilas nas que exerceu como mestra Elisa Sánchez Loriga.

Relatoras: Gena Baamonde, Daniela Ferrández e Eva Mejuto

Espazo: Auditorio Municipal de Vimianzo

Data

14 de xuño de 2023