Mulleradas

Vella, incapaz, inútil. Nestas xornadas de Elisa e Marcela toman as rúas tamén abrimos o armario para falar sobre o pracer a partir dos 50. O estigma, o silencio e a vergonza perseguen as mulleres a partir da menopausa e poucas veces atopamos espazos para a reflexión e intercambio de experiencias arredor do corpo, a sexualidade e o desexo das mulleres maduras.

Esta actividade comezou cun breve paseo polas rúas da cidade que percorreron Elisa e Marcela antes e despois do seu casamento. Puidemos coñecer como era a praza de María Pita e a Escola Normal de mestras, as rúas onde viviron cada unha delas, a igrexa de San Xurxo onde casaron e algunha curiosidade sobre A Coruña de finais do século XIX e inicios do XX.

Despois, cunha cunca de chocolate quente entre as mans e nun espazo íntimo e seguro, desenvolvemos unha xuntanza de autocoñecemento e intercambio da nosa memoria afectiva e do pracer. Cun enfoque feminista e de xénero, Gena Baamonde guiou este faladoiro sobre sexualidade e diversidade nas mulleres a partir dos 50 e a importancia que ten para a nosa saúde e benestar, que tivo unha réplica en Santiago de Compostela no ano 2022 a través do Consello da Cultura Galega.

Algúns dos testemuños das participantes recolléronse nun arquivo sonoro que se puido escoitar na exposición que pechou as xornadas no Teatro Colón o 29 de novembro de 2018.

Mulleradas

Datos artísticos ou técnicos

Deseño actividade: Areta Bolado e Gena Baamonde

Guía: Gena Baamonde

Data publicación

27 de novembro de 2018.