Tortigrafías
No ano 1979, McArthur creou un mapa universal moi provocador, ao revés do que temos costume de ver, co sur arriba e Europa descentrada. Tamén o degradado de cores facía que, nese caso, destacase o país de orixe do autor, Australia. Así McArthur denunciou que os mapas tamén son unha ferramenta de poder e que non son nin inocentes nin obxectivos. O mesmo acontece co urbanismo, non traballa para todas as persoas que habitan a cidade e deixa fóra persoas con diversidade funcional, mulleres ou o colectivo LGBTIQ+.
O obradoiro Tortigrafías naceu inspirado pola forte tradición latinoamericana de cartografías críticas e pola proposta metodolóxica de L. A. Rojas Herra, como un xeito de repensar a cidade e inventar a nosa maneira de “tomar as rúas”. Pero como foi na práctica este mapeo colectivo, colaborativo e cuir da cidade da Coruña?
Empregando adhesivos e rotuladores de cores imos destacando, nun rueiro en branco da cidade, os espazos agradables e puntos conflitivos para o colectivo LGTBQI+. No positivo, algúns dos adhesivos destacan bares, espazos culturais ou asociacións e no negativo podemos marcar con eles agresións físicas ou verbais, discriminación laboral ou expulsión do fogar. Así imos activando a nosa memoria individual e colectiva sobre seguridade e visibilidade do territorio para xerar dinámicas de reflexión arredor da habitabilidade urbana. Pouco a pouco imos lembrando esa discoteca que non deixa entrar homes con pluma, o centro de saúde onde ignoran as enfermidades de transmisión sexual máis habituais no sexo lésbico ou o instituto onde un rapaz trans foi empurrado polos acosadores ao suicidio.
Para rematar, escollemos un espazo que todes e todas recoñecemos como conflitivo para realizar unha sesión de fotos que axudase a transformar o imaxinario do lugar, o noso xeito simbólico de “tomar as rúas”.
Tortigrafías
Datos artísticos ou técnicos
Coordina: Areta Bolado
Facilitan: Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman
Deseño adhesivos e mapas: Noelia Castro
Baseado nas investigacións de L. A. Rojas Herra.
Data
28 de novembro de 2018.
Centro Cívico Cidade Vella da Coruña.
* Este obradoiro tivo réplicas en Vigo (2018 e 2020), Santander (2019) e Xixón (2019).