Cancións do verán

Con que son vibran os transistores galegos? Que música soa cando botamos crema solar no areal de Doniños ou cando nos refrescamos cunha cervexa nun chiringuito de Bueu? Na nosa xeografía escoitamos aquel ¡Booooooomba! de King África e movemos o esqueleto con Georgie Dann, mais, aínda así, sempre tivemos uns éxitos senlleiros, propios da idiosincrasia galega, que habitan no ADN colectivo. Quen non rebolou polo torreiro con Ana Kiro, a verdadeira icona pop da verbena galega? Quen non bailou aquel “xirarei como a roda do muíño” de Xil Ríos e non cantou “con sebola ou sen sebola” da Banda da Balbina?

A Panadaría creou tres cancións do verán nos anos 2014, 2015 e 2020 por pura diversión, polo pracer de amasar xuntas este xoguete musical e audiovisual distendido e brincallón. Os ingredientes sempre foron os que xa coñecemos: letra sinxela e apegadiza (mesmo algo infantil) de rimas consoantes, cun retrouso repetitivo e onomatopeico, de ritmo binario, con mencións ao verán, algún toque picante e algún detalliño acedo e irónico.

Canción do verán. Gravada en vivo en Rebordelo, Cotobade, no ano 2014. Empolicadas no canastro de María e ao ritmo do ukelele, güiro dobre e acordeón infantil entoamos: “Teño area nas bragas / vaia irritación!”.

Amor do verán. Gravada en vivo en Lamela, Silleda, no ano 2015. Pasando de a capela ao teclado e percusións, cantamos este tema galego-tropical: “Ti tes a pel de carneiro ao espeto queimada polo sol / tinguida de vermello / o teu sangue ten o ton perfecto / coma o “pementón” / Doce! Picante!”.

O verán do cheché. Gravada na Levada de Casqueiros de Pazos de Borbén no ano 2020. Esta primeira creación no inicio do desconfinamento durante a pandemia da COVID19 converteuse nunha xuntanza e nunha celebración dos afectos. Acompañadas por unha figuración interxeracional composta por amigas e familia cantaruxamos: “Este verán pasámolo aquí á fresca! / Que? / Á fresca! / Que esca? / Escama! / Que ama? / Hamaca! / Que aca? / A cabra! / Que abra? / Abraso! / Que aso? / A solapa! / Que apa? / A Pa-na-da-rí-a!”.

Cancións do verán

Datos artísticos ou técnicos

Creación e interpretación: Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman
Composición: Ailén Kendelman
Gravación son 2020: Ailén Kendelman
Músicas 2020: Valentina Alonso, Salomé Garrido, Ailén Kendelman, Cris Márquez e Isabel Mouzo
Gravación e montaxe 2014 e 2015: Pilar Abades
Gravación e montaxe 2020: Alejandra Penabade (Adarme Visual)
Asistencia cámara 2020: Raquel Ramos
Voz en off 2020: Mariana Carballal
Figuración canina 2014: Otto
Figuración 2015: Óscar
Figuración 2020: Lucía Hernández, Salomé Garrido, Cris Márquez, Isabel Mouzo, Valentina Alonso Rodríguez, tía Loli, avoa Lola, Marité Ameijeiras, Paula Pier, Gabriela (Sapashito), Laura Fernández Castro e Boris Bolado
Cabezudo 2020: Tanxarina

Data publicación

Veráns de 2014, 2015 e 2020.