Parola inútil
Somos unha compañía de teatro e, ao mesmo tempo, unha cooperativa. É dicir, somos unha empresa de artes escénicas que crea artefactos rendibles economicamente e outros que non o son, pero que desenvolvemos para manter as constantes vitais, inspiración e valores do proxecto A Panadaría.
Dentro das nosas “improdutividades” está a serie de conversas Parola Inútil, organizada despois do confinamento decretado a raíz da pandemia mundial da COVID-19. Durante os meses de pechamento, as plataformas virtuais e redes sociais foron a nosa vía de contacto coas demais persoas, reconfigurando o noso xeito de comunicarnos e ameazando a conectividade humana máis real, a conversa cara a cara.
Nestas conversas informais e interxeracionais entre mulleres que facilitamos no noso local durante os anos 2020 e 2021 convidamos as participantes a liberarse do idadismo que transpira Instagram, dos prexuízos das trincheiras de Facebook e das certezas que defendemos con belixerancia en Twitter para abrir un espazo-tempo para a escoita, a empatía e o diálogo curioso coa outra persoa.
Tras o convite do Centro Dramático Nacional para participar de #LaventanadelCDN , decidimos abrir o ollo da fechadura para que espreitedes unha delas, na que convidamos a Ana Fidalgo Fidalgo e Moraima Fernández Míguez a parolar sobre desexo, corpos, morte e recheos de empanada. Un exercicio amable de escoita e intercambio, a nosa migalla para recuperar o exercicio da conversa cara a cara. Unha parola inútil. Quizais.
Parola inútil
Datos artísticos ou técnicos
Participantes: Ana Fidalgo Fidalgo e Moraima Fernández Míguez
Coordinación e textos: Areta Bolado
Produción: Ailén Kendelman
Deseño de tarxetas: Noelia Castro
Gravación: Mika Audiovisual
Música: Ailén Kendelman
Data publicación
1 de xullo de 2020.