Asesoría e música para A cazola de Lola de Tanxarina
XXVI Premio María Casares a Mellor Música Orixinal (Ailén Kendelman)
As panadeiras saímos do noso forno para poñer as nosas ferramentas, medios, experiencia e coñecementos ao servizo dos procesos de creación doutras compañías. Neste caso, apoiamos a creación de A cazola de Lola da compañía de monicreques Tanxarina, no seu 40º aniversario, coas voces en off de Areta Bolado, a asesoría en movemento de toda a compañía e a premiada música orixinal composta e interpretada por Ailén Kendelman.
Esta adaptación libre de Andrés Giráldez, Miguel Borines e Tatán Cuña do album ilustrado La petite casserole d’Anatole de Isabelle Carrier conta a historia de Lola, unha nena que arrastra un cazo atrás dela e que no seu camiñar non atopa máis que atrancos desesperantes. Este cazo faina distinta, ou diferente, e a rareza pode estigmatizar ou espertar a solidariedade (e sororidade) das demais. No texto orixinal a autora reflicte diferentes espectros da desigualdade social a través dun relato metafórico que Tanxarina sabe traducir a unha linguaxe propia cargada de humor, tenrura e poesía visual.
A cazola de Lola sostense tamén sobre o habelencioso traballo de Pablo Giráldez “Pastor” na construcción dos bonecos e escenografía, a iluminación cargada de momentos máxicos de Montse Piñeiro, o vestiario sobrio e oportuno de Carlos Alonso e o acompañamento experimentado na dramaturxia e dirección de Cándido Pazó.
Asesoría e música para A cazola de Lola de Tanxarina
Datos artísticos ou técnicos
Elenco: Eduardo Rodriguez “Tatán“ , Miguel Borines e Andrés Giráldez.
Dirección: Tanxarina e Cándido Pazó.
Texto orixinal: Isabelle Carrier «La petite Casserole d’Anatole».
Adaptación: Tanxarina.
Asesoría escénica: A Panadaría.
Música orixinal: Ailén Kendelman.
Voz en off: Areta Bolado.
Escenografía: Pablo Giráldez «Pastor».
Vestiario: Carlos Alonso.
Deseño de Iluminación: Montse Piñeiro.
Data
Estrea 22 outubro 2021