Campañas 8M

Dentro das nosas “improdutividades” (accións artísticas que aproveitan a nosa visibilidade para xerar un impacto social sen perseguir necesariamente un beneficio económico) desenvolvemos tres proxectos de sensibilización sobre a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Eu con este rolete bateríalle, Estou até os miolos e Día da muller rebordan a estrutura estable de A Panadaría ábrenlles as portas a teatreiras, docentes e mesmo a unha panadeira para que denuncien a violencia machista, as invisibilizacións e as desigualdades. Para que reivindiquen máis dereitos e máis referentes de mulleres apoderadas e outras identidades sexuais e de xénero.

Eu con este rolete bateríalle (2015)
En 1969 a artista Valie Export presenta a súa performance Action Pants: Genital panic na que irrompeu nun cine de Múnic cunha metralleta nas mans e os vaqueiros rachados á altura da vulva. En 2015 Marina Abramovic, admirada polo poder da acción de Valie, encarnou a mesma performance en Nova York. Nós, fascinadas tamén pola obra da artista austríaca, creamos a serie fotográfica Eu con este rolete bateríalle na que o rolete de madeira substitúe a metralleta e as nosas convidadas expoñen coa súa carraxe fronte a desigualdade.

Estou até os miolos (2016)
Na nosa profesión as mulleres somos minoría en case todas as áreas. Convidamos unha directora, unha figurinista, unha dramaturga e unha distribuidora e produtora a contarnos de que están fartas ou, falando doutro xeito, de que están até os miolos.

Día da muller (2017)
Tradicionalmente a panadaría foi, na nosa terra, un oficio de mulleres e, tal e como aconteceu nos últimos tempos no ámbito da cociña, co aumento de prestixio desta profesión as figuras que acadaron visibilidade e boa posición económica foron os homes. Presentámosvos nesta peza audiovisual a Carla Ribadulla, prata no Campionato Galego de Panadería 2016. As mulleres queremos as mesmas oportunidades, estamos fartas de ser personaxes secundarias.

Campañas 8M

Datos artísticos ou técnicos

Participantes Eu con este rolete bateríalle: Areta Bolado, Mariana Carballal, Noelia Castro, Cristina Domínguez, Ailén Kendelman, Inma López Silva e Montse Piñeiro

Participantes Estou até os miolos: Gena Baamonde, Areta Bolado, Esther Carrodeguas, Noelia Castro, Ailén Kendelman, Belén Pichel e Clotilde Vaello

Participante Día da Muller: Carla Ribadulla

Fotografías Eu con este rolete bateríalle: Noelia Castro

Fotografías Estou até os miolos: Pilar Abades

Video Día da muller: Pilar Abades

Data

Vigo 2015

Santiago de Compostela 2016

Prado 2017