A violencia dun sorriso

O algodón do meu devezo está
crecido no teu xardín.
Es ti sempre quen decide
o solo, o fertilizante e o rego.
Dende a colleita ata que se transforma
en roupas listas para poñer.
Eu póñoas,
ti todo o tempo supervisas,
non para garantir que me sexan cómodas
senón para reafirmar que non amosan
ningunha parte do meu corpo.

Tamizhachi Thangapandian é unha das voces máis prestixiosas da escritura poética en lingua támil, lingua propia da zona de Tamil Nadu (India), e tamén unha traballadora incansable a prol da palabra das mulleres. Un convite de Implicadas no Desenvolvemento, organización feminista de cooperación ao desenvolvemento que realiza diferentes accións co obxectivo de eliminar estruturas de explotación entre o norte e o sur e entre homes e mulleres, animounos a entrar nun terreo descoñecido para nós e crear por primeira vez un recital poético.
Nesta peza que levamos por bibliotecas e librarías de toda Galicia encarnamos os versos de Thangapandian e facémolos encontrarse coa danza, cos nosos propios pensamentos e con pezas de música vocal interpretadas a capela, nunha dramaturxia de poesía sonora e visual.
Este entrecruzamento entre a poesía de Tamizhachi Thangapandian e o imaxinario de A Panadaría é unha viaxe emocional e política na que a lingua levanta a voz contra as hexemonías, defendendo a idea de que o noso benestar está vinculado ao das outras.

A violencia dun sorriso

Datos artísticos ou técnicos

Textos: Tamizhachi Thangapandian e A Panadaría

Creación: A Panadaría

Intérpretes: Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman

Data

Do 9 de novembro ao 2 de decembro de 2016.