Ultranoites de Chévere

Despois de máis dun ano, Chévere retoma as clásicas Ultranoites no Auditorio da Ramallosa de Teo. É o ano 2015, e todo é comezar. A Panadaría vai dando os seus primeiros pasos como compañía profesional e Chévere estase asentando como compañía residente teense despois de anos de asedio á Sala Nasa en Compostela.

Recibimos a chamada da compañía veterana para sumarnos á troupe desta nova Ultranoite, a crónica política paralela e alternativa onde un público fiel vai con sede de música, baile e nocturnidade. En dúas ocasións, en abril de 2015 (nº 106) e en novembro de 2016 (nº 108) sumámonos a este cabaré que xa é historia viva da cultura galega.

Hai Ultranoite outra vez
Non podía ser doutro xeito. O noso rito de iniciación nas Ultranoites foi un número musical falcatrueiro e acedo no que, enchoupadas pola estética perralleira, nos engalanamos con ombreiras feitas de estropallo para converternos nas coristas de Patricia de Lorenzo. Atravesamos o patio de butacas da Ramallosa, en Teo, entre un público afervoado e o boureo de Xesús Ron que repetía con forza: “Hai Ultranoite outra vez! Si! Hai ultranoite outra vez! Outra vez!”. A lei mordaza, as tarxetas black e o pequeno Nicolás substituíron a letra orixinal de With a little help from my friends nun recordo ao artista inglés falecido uns meses antes, Joe Cocker.

Esperanza Popular
Neste numeriño transformámonos en tres integrantes das Xuventudes do partido político Esperanza Popular para explicarlle ao electorado a nova plataforma de voto telefónico para a “votación en diferido en forma efectivamente de simulación, de simulación ou do que podería ter sido en diferido”. O contestador ten un pequeno fallo, aínda que queiras elixir outra cousa o trebello sempre che vai facer votar polos de sempre. Versionamos o tema de verbena Te compro a tu novia.

O rei leitón
Unha homenaxe á feira centenaria que se celebra en novembro na carballeira desta parroquia de Teo, o San Martiño de Francos. Neste número grupal de apertura da Ultranoite, entre polbeiras, cabalos e carpas de polbo, as integrantes de A Panadaría entoamos este himno dedicado “á Galiza animal, o país do touciño”. O rei leitón é unha versión outonal da composición de apertura de’O rei león.

As meigas de Oza
Coa noite do Samaín chegan As meigas de Oza, un sketch musical e rabioso de folk metal no que esgazamos as voces berrándolles “farta me tes!” aos violadores, abusadores e asasinos. No contexto da brutal violación dos San Fermíns (2016) e coa ollada aínda posta no intento de prohibición do aborto de Gallardón (2014) e o asasinato machista e parricida de José Bretón (2011), Kendelman tocaba con furia a gaita e todas ameazamos os que nos queren submisas ou mortas. Esta foi quizais a nosa peza máis violenta e radical. Como non ser violentas e radicais cando nos maltratan, violan e asasinan?
Unha versión feminista e sen censura de Bagpipes of war, de Skiltron.

Ultranoites de Chévere

Datos artísticos ou técnicos

Letras e textos de Esperanza Popular e Meigas de Oza: A Panadaría

Letras e textos de Hai Ultranoite outra vez e Rei Leitón: Chévere

Banda: Xacobe Antelo, Manuel Cebrián e Max Gómez

Creación e dirección das Ultranoites: Chévere

Data

Ultranoite 106: 30 de abril, 1 e 2 de maio de 2015. Teo.

Ultranoite 108: 31 de outubro, 4, 5 e 6 de novembro de 2016. Teo.