Dirección artística e presentación dos IV Premios Martín Códax da Música
En 2017 celebrouse a IV edición dos Premios Martín Codax da Música e, por segunda vez, convidáronnos a dirixir e conducir a gala. A mordaza da censura condenaba ao exilio ou encarceraba rapeiros críticos coa monarquía e un substrato de mulleres da música invisibilizadas burbullaba, como diría Guadi Galego, “cheo de vida”.
En A Panadaría propuxemos unha gala que fose unha celebración da gastronomía musical do país. Vestimos o Pazo da Cultura de Pontevedra de veludo vermello e pan de ouro e conformamos unha banda de mulleres talentosas e inspiradoras, bautizada ironicamente como A Banda Rosa. O trío panadeiro convertémonos no noso álter ego, As Pataconas, unha sorte de The Supremes galegas, un trío de raíz que aproveitou os números para denunciar a precariedade, reivindicar as mulleres na música e defender a liberdade de expresión.
Banda, presentadoras e convidadas fixemos soar, durante o transcurso da gala, todas as artistas ganadoras da edición anterior, nalgúns casos creando versións estrafalarias dos seus grandes éxitos. Nesta edición, unha vez máis, as músicas e músicos galegos demostraron que existen mil maridaxes posibles e que en Galicia, a pesar do habitual desleixo político, a oferta musical é ben saborosa.
Cando tocas con estilo
que non sexa demasiado
Podes parecer un tío
se es solvente no teclado
Estás mellor de “aficionada”
Estás mellor no club de fans
Non esquezas que es muller
e tes que ter
Unha banda rooooosa
roooosa
Unha banda rooooosa
Roooosa
Dirección artística e presentación dos IV Premios Martín Códax da Música

Datos artísticos ou técnicos
Dirección: A Panadaría
En escena: Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman
Banda rosa: Antía Ameixeiras (violín), Lorena “Cachito” (batería), Inés Mirás (guitarra e baixo) e Aida Saco Beiroa (piano)
Textos: Areta Bolado
Dirección musical: Ailén Kendelman
Deseño iluminación: Javi Quintana
Produción A Panadaría: Ailén Kendelman
Asistencia produción A Panadaría: Paula Pier
Produción executiva: O Cable Inglés
Produción técnica: Cunde.gal
Data
3 maio de 2017.
Pazo da Cultura de Pontevedra.