Hai quen nunca limpou un váter
A finais dos anos 60 soaba nos transistores esa canción que dicía “será maravilloso viajar hasta Mallorca” ou aquela de “Tenerife tiene seguro de sol”, temas apegadizos que celebraban a explosión do turismo en España e a invasión de turistas chegados do centro e norte de Europa ás costas mediterránea e canaria. Desde entón un urbanismo voraz vampirizou a vida dos nosos territorios, espremendo persoas, auga, flora e fauna. Imos poñer a lupa sobre as persoas que carretan ao lombo este modelo turístico en condicións de abuso e explotación, as máis esenciais, as coñecidas como kellys.
O Centro Dramático Nacional ofreceunos a súa Carta Blanca para que en A Panadaría deseñásemos unha actividade paralela que dialogase coa exhibición de As que limpan na sala Princesa do Teatro María Guerrero. Propuxemos unha conversa entre tres mulleres que inspiraron o proceso de creación do espectáculo e que nos podían axudar a imaxinar utopías que expandisen o imaxinario dun futuro cargado de esperanza.
Para levantar a moqueta dos hoteis e sacudir a merda que hai debaixo convidamos a Isabel Montenegro (excamareira de pisos e exdelegada de CCOO), Ana Penyas (primeira muller en ganar o Premio Nacional de Banda Deseñada e autora de Todo bajo el sol) e Amaia Pérez Orozco (economista feminista e integrante da Colectiva XXK). Parolamos sobre a fenda de xénero nos labores de limpeza e coidados e o modelo extractivista de turismo español, preguntándonos se hai xeito de sacudir tanta borralla. A conclusión, tal e como recolleu Pérez Orozco, é “loitar desde o noso lugar, co que poidamos, e apoiarnos en compañeiras coas que facelo”. Imos aló?
Hai quen nunca limpou un váter

Datos artísticos ou técnicos
Modera: Ailén Kendelman
Coordina: Areta Bolado
Participan: Isabel Montenegro, Ana Penyas e Amaia Pérez Orozco
Responsable de Acción Dramática do CDN: Paloma Monleón
Data
12 de abril de 2022.
Sala Mirlo Blanco do Teatro Valle Inclán, Madrid.