A compañía
A Panadeira? A Pandaría? A PanadEría? La Panadaira? Como raio se chaman estas mulleres?
A Panadaría somos nós: Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman. Gustounos chamarnos así porque unha de nós tiña unha avoa, unha bisavoa e unha tataravoa panadeiras, porque amasamos un teatro artesán e porque o pan sempre cae ben (non sendo que manduques unha bola de dous quilos). Chamámonos A Panadaría, en galego e con moitos as.
As nosas montaxes teatrais
Do forno de A Panadaría, aberto desde 2013, saíron espectáculos con poucos aderezos e moito arrecendo a humor irreverente e crítica social. O noso último proxecto é As que limpan (2022), despois de Elisa e Marcela (2017), Panamericana (2015) e Pan!Pan! (2013). Neste camiño recibimos máis dunha vintena de premios polo noso teatro e valores feministas.
Outros proxectos
Na nosa artesa tamén amasamos obradoiros, músicas orixinais, roteiros, libros e outras delicias.
En todo o mundo a xente fai pan e fai teatro e, así, cos elementos máis básicos, alimenta corpo e alma. Nesta panadaría teatral poñemos a nosa experiencia e coñecementos teatrais ao servizo de proxectos educativos, artísticos e de sensibilización saborosos que conecten as persoas entre si.
Prensa
Durante estes anos os xornais, radios, revistas, televisións, e mesmo youtubeir@s, entrevistáronnos ou falaron dos proxectos de A Panadaría. Nós non che imos poñer a feder A Panadaría, así que aquí podes ler o que dixo outra xente sobre o noso labor.

«As que limpan atopa a virtude do equilibrio entre a pericia teatral, a comicidade e o compromiso esperanzador»

«Sin proyectores, pantallas ni microfonía, A Panadaría hace cine»

«Un canto al amor valiente y, a la vez, un homenaje y una reivindicación»
Queres falar con nós?
Sentes un impulso irrefreable de enviarnos unha carta de amor?
A Panadaría xa "descansa en pan" pero se aínda nos queres consultar algo, facer algunha proposta ou mandar cartas de amor, preme no cadradiño amarelo para poñerte en contacto connosco.




